top of page

Miradoiro do Campo da Rata

Se es un apaixonado da fotografía, o Miradoiro do Campo da Rata ten unha das panorámicas máis fotografadas da ría de Pontevedra que che ofrecerá innumerables oportunidades para capturar imaxes impresionantes.

O miradoiro do Campo da Rata é seguramente o lugar máis visitado da parroquia de Cedeira e un dos que máis xente atrae de Redondela. Atópase no alto do monte Trasmañó e desde os seus 250 metros de altura permite gozar das vistas abertas da ría, a ponte de Rande, as illas Cíes e toda a liña costeira na que se diferencia perfectamente as bateas fronte a Vilaboa ou Moaña e tamén a desembocadura do río verdugo á altura de Arcade.

​

É importante mencionar que non se trata dunha zona habilitada ou accesible para persoas con mobilidade reducida ou carros de bebés. O camiño é abrupto por pistas forestais e o acceso ao banco, xa na zona do miradoiro, faise sorteando rocas.


Unha das cousas que máis chaman a atención é o banco estratexicamente ancorado ás rocas desde as que se obteñen as impresionantes vistas de toda a ría. Un banco instalado por mor da moda dos "mellores bancos do mundo", lugares de asento para fotografarse en miradoiros especiais. O do miradoiro Campo da Rata ten no seu parte traseira o lema en inglés "Galiza its different", un lema que sae en todas as fotografías ao tomarse a panorámica desde a traseira do banco.

A aparición deste misterioso banco é o que fixo que o miradoiro, ata entón bastante máis descoñecido, saltase á fama. O seu gran protagonismo en redes sociais provocou que gañase fama e todo o mundo fose a visitalo e en ocasións de tempada alta hai mesmo que facer cola para facerse unha fotografía no lugar.

bottom of page