top of page

Paseo da Portela

Este paseo transcorre polo litoral do municipio e onde vemos a desembocadura do río Alvedosa. Gran parte do paseo está composto de pasarela e varandas de madeira dende onde podemos contemplar o mar e as aves que hai na zona.

O Paseo da Portela coñécese con este nome porque nace no barrio coñecido desta maneira. É un paseo duns 1,5 quilómetros de longo que comunica esta zona coa da desembocadura do río Alvedosa, pasando polo caso urbano de Redondela.

Este paseo foi habilitado no ano 2010 cunha pasarela de madeira desde a que gozar da brisa mariña e as vistas á ría. O verde típico da vexetación galega e o azul do mar acompañaranche en toda este curto roteiro. Ao longo do paseo hai bancos e zonas de descanso para gozar da paisaxe e das aves mariñas que frecuentan a zona, xa que aquí poden verse, ademais de cisnes e patos, exemplares de martín pescadores, gallinetas, garzas, andarríos mozos… 

Pero ademais de natureza, esta zona mantén en pé memorias das súas industrias desaparecidas, como é o edificio que albergou o xerme da Refinería do Noroeste Aceites e Graxas S.L., que anos despois veríase envolvida no escándalo do aceite de Rande ou os restos da Industria Metalífera Española, onde se fundían e recuperaban recortes e chatarra, sobre todo de estaño e chumbo.

Deixando atrás o paseo de madeira podemos ver en pé a casa familiar do doutor Eduardo Martínez Alonso, médico da Cruz Vermella, que se utilizou como agocho para xudeus que eran trasladados desde este punto a América. O labor deste médico logrou salvar polo menos a 30.000 persoas durante a Segunda Guerra Mundial e a súa filla recolleu a súa historia no libro “A clave Embassy”.

Neste punto, ao final do percorrido, localizábase tamén unha antiga salina romana da que non quedan restos.

Esta zona peonil ten continuidade con outro paseo similar que rodea a depuradora de augas residuais.

bottom of page