As xornadas de educación ambiental, actividades de sendeirismo gratuítas en Redondela e Chapela, desenvolveranse do 12 ao 20 de maio.
A Agrupación de Electores de Redondela, AER, decidiu reinventar a campaña electoral clásica e apostou por convidar os veciños a unhas xornadas de educación ambiental, que se desenvolverán do 12 ao 20 de maio. As actividades serán gratuítas e inclúen roteiros de sendeirismo en Redondela e Chapela, unha actividade de orientación na praia de Cesantes e un encontro de observación do ceo pola noite. A primeira das propostas será o venres 12, ás 18 horas, cun roteiro interpretativo polo río Maceiras. Para participar nas actividades é necesaria inscrición no correo electrónico info@aeredondela.com ou no teléfono móbil 647 126 712.
“Como agrupación, non compartimos a maneira de facer campaña dos partidos tradicionais, con mitines e malgasto de diñeiro en publicidade”, comentaron desde a Agrupación. “A nosa idea é destinar a partida económica a actividades que afecten aos propios veciños. Neste caso, profundar nun dos eixos fundamentais do noso programa, o medioambiente, con actividades para fomentar o consumo responsable e sostible, partindo ademais do coñecemento da nosa contorna”.
As xornadas de Educación Ambiental constan de seis actividades nas que hai cabida os roteiros alternativos, charlas, paseos, observacións nocturnas, xogos de orientación por equipos ou rastrexar a fauna. Realizaranse en diferentes localizacións e están deseñadas para un público amplo, dinamizadas por empresas e colectivos de educación ambiental. En canto aos temas, abordaranse desde a clasificación e tipos de especies de árbores na ribeira, compostaxe comunitaria, conservación do patrimonio, observación astronómica, coñecemento da fauna e dos seus hábitos de vida ata os tesouros da Rede Natura 2000, as especies de algas e a súa bioloxía.
Comentarios